| CRONICA V ENCONTRO DE VOLUNTARIADO |
|
|
O pasado sábado 20 de xuño o Proxecto Ríos celebrou en Santiago de Compostela o Encontro de Voluntariado. Este ano, o Proxecto Ríos cumpre cinco anos de andaina e traballos arredor dos nosos ríos, por iso estes encontros tiñan un aire especial que quixemos poñer de manifesto cos grupos de voluntarios que asistiron e participaron. Tamén este 2009, un dos aspectos que traballamos no Proxecto Ríos foi o do patrimonio etnográfico presente nos ríos galegos. Adicamos varias actividades a poñer en valor este patrimonio, moi vencellado ao natural e humano que determinan moita da morfoloxía dos nosos ríos. Exemplos foron o Roteirríos, o Campamento de Voluntariado do Tea, que na súa derradeira xornada visitamos un serradoiro movido pola forza da auga, o Proxecto Castieixas e, como non podía ser menos, estes V Encontros de Voluntariado tamén estiveron centrados nesa riqueza patrimonial que enche os nosos cursos fluviais.
Comezamos a xornada ás 10.30h no Museo do Pobo Galego coa recepción dos participantes e asistentes. A cada persoa se lle entregou o material dos encontros, unha carpeta co programa da xornada e material variado. Na sala destinada a desenvolver esta xornada, o Proxecto Ríos colocou material diverso da organización que desenvolve o proxecto (ADEGA), así como unha a pequena exposición de material empregado nas inspeccións de río, tanto do Proxecto Ríos de Galiza como doutras comunidades que están a desenvolver o proxecto como Cantabria. Ás 10.45h comezou a sesión inaugural a cargo de Virxinia Rodríguez, Coordinadora do Proxecto Ríos e Elvira Cienfuegos, Concelleira de Medio Ambiente do Concello de Santiago de Compostela. Ámbalas dúas destacaron a labor desenvolvida polo Proxecto Ríos e o voluntariado que o integra na conservación, estudo e mellora dos ecosistemas fluviais do noso país. Logo das súas intervencións démoslle paso ás comunicacións dos grupos de voluntarios/as do proxecto. A orde foi a seguinte: •CPI Viaño Pequeno: da man de Alberto e Javier, dous alumnos de 1º da E.S.O., coñecemos un pouco máis o río Chonia, onde fan as súas inspeccións, e o patrimonio etnográfico presente nel. •Pier Vieira: coordinadora do grupo que traballa no río Brexa, que discorre polos concellos de Carral e Cambre, elaborou unha montaxe con fotos e música describindo as actividades que realizan no Brexa. •C.E.S.: en representación do Colectivo Ecoloxista do Salnés veu Marro. Traballan no río Umia e explicounos o estado no que se atopa ao paso polo municipio de Ribadumia e as actividades que realizan, arredor dos ríos, esta agrupación ambientalista do Salnés. •ALUME: Flor, monitora da asociación luguesa de axuda a enfermos mentais, comentounos como traballan no río Veiga en Guitiriz con este colectivo de persoas, os beneficios que lles proporcionan e o entusiasmo e motivación que amosan cando fan as inspeccións. •Proxecto Home Lugo: de Lugo viñeron catro persoas, Héctor, o monitor, e tres rapaces que están a seguir o programa do Proxecto Home. Comentáronnos alí como fan para desenvolver as inspeccións no río Rato e como se responsabilizan cada pequeno grupo de facer os traballos a pe de río. •Barcas do Minho: Xosé Manuel, integrante desta asociación que pretende recuperar e poñer en valor as embarcacións tradicionais empregadas nos ríos falounos un pouquiño sobre as actividades que están a desenvolver. Deunos a visión que teñen dende a asociación sobre o patrimonio fluvial, e como tentan darlle un uso ás embarcacións que constrúen, e non só recuperar por recuperar. •Manuela e José Luís: compañeiros de Burela que participaron nos Campamentos de Voluntariado do río Tea e nos regalaron a súa visión e valoración destes campos de voluntariado, cunha presentación de cromos dos traballos feitos no Tea e unha carta explicando cal fora a súa experiencia. Como colofón ás presentacións démoslle a palabra ao Vicepresidente do Museo do Pobo Galego, Luciano García Alén que asistiu aos encontros e se manifestou sorprendido e moi ledo de que houbera tantos grupos de persoas traballando pola conservación dos nosos ríos. Coas emotivas palabras de Luciano dimos paso ao merecido descanso en forma de café con bolachas antes de acometer o roteiro polo río Sarela.Durante esta pausa fixemos entrega dun agasallo a cada poñente, consistente nunha serigrafía dunha Garza Real obra de Calros Silvar. Cando rematou o café e coas forzas renovadas fixémonos unha foto de grupo e puxemos rumbo ao Sarela polo medio do casco histórico de Compostela. Chegamos ao río arredor da unha da tarde. Iniciamos a ruta nos lavadoiros en liña de Santa Isabel e continuamos río abaixo pola marxe dereita. Logo de varias paradas para facer algún comentario salientable sobre o río chegamos até a ponte do Sarela, debaixo da carballeira de San Lourenzo, punto final do percorrido. Dende alí dirixímonos cara a Alameda onde nos estaba agardando o xantar debaixo dos carballos de Santa Susana. Cando chegamos, todo estaba preparado e como xa eran preto das tres da tarde, demos boa conta de empanadas, tortillas, queixos, pan e viño que dispuxo para nos o Proxecto Ríos. Ás cinco da tarde fomos até a Fundación Caixa Galicia, rúa do Vilar, para asistir á conferencia marco dos encontros impartida por Manuel Caamaño Suárez, arquitecto e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. Manuel ilustrounos sobre as diferentes construcións pertencentes á arquitectura popular que ateigan os nosos ríos. Foi unha charla moi enriquecedora na que aprendemos moito sobre a tipoloxía destas construcións, dende muíños, batáns, curtidorías pasando por lavadoiros, pontes, fontes e pesqueiras. Obsequiamos tamén a Manuel Caamaño cun agasallo: outra Garza Real serigrafiada por Calros Silvar. Arredor das 18.30h clausuramos estes encontros agradecendo ás diferentes entidades a súa dispoñibilidade e axuda (Museo do Pobo Galego, Concello de Santiago e Fundación Caixa Galicia) e sobre todo aos voluntarios/as participantes e asistentes, xa que sen o seu traballo e compromiso o Proxecto Ríos non tería existido. Xa como punto final, os que quixeron, achegámonos de volta até a Alameda para desfrutar das actividades da Feira do Sol organizada polo Concello de Santiago. En definitiva, foi esta unha xornada onde se deron cita ríos e persoas, que unidos pasamos unhas horas do sábado en boa compaña, sendo en total 45 os/as participantes nestes V Encontros de Voluntariado do Proxecto Ríos. |
| < Anterior | Seguinte > |
|---|

O pasado sábado 20 de xuño o Proxecto Ríos celebrou en Santiago de Compostela o Encontro de Voluntariado. Este ano, o Proxecto Ríos cumpre cinco anos de andaina e traballos arredor dos nosos ríos, por iso estes encontros tiñan un aire especial que quixemos poñer de manifesto cos grupos de voluntarios que asistiron e participaron.
Cando rematou o café e coas forzas renovadas fixémonos unha foto de grupo e puxemos rumbo ao Sarela polo medio do casco histórico de Compostela. Chegamos ao río arredor da unha da tarde. Iniciamos a ruta nos lavadoiros en liña de Santa Isabel e continuamos río abaixo pola marxe dereita. Logo de varias paradas para facer algún comentario salientable sobre o río chegamos até a ponte do Sarela, debaixo da carballeira de San Lourenzo, punto final do percorrido. Dende alí dirixímonos cara a Alameda onde nos estaba agardando o xantar debaixo dos carballos de Santa Susana. Cando chegamos, todo estaba preparado e como xa eran preto das tres da tarde, demos boa conta de empanadas, tortillas, queixos, pan e viño que dispuxo para nos o Proxecto Ríos.
conferencia marco dos encontros impartida por Manuel Caamaño Suárez, arquitecto e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego. Manuel ilustrounos sobre as diferentes construcións pertencentes á arquitectura popular que ateigan os nosos ríos. Foi unha charla moi enriquecedora na que aprendemos moito sobre a tipoloxía destas construcións, dende muíños, batáns, curtidorías pasando por lavadoiros, pontes, fontes e pesqueiras. Obsequiamos tamén a Manuel Caamaño cun agasallo: outra Garza Real serigrafiada por Calros Silvar. 
