Axenda

Actualmente, non hai actividades previstas.
Ver calendario completo

Boletín Gardarríos Dixital






Crónica dos VI Encontros de Voluntariado do proxecto Ríos Imprimir E-mail
presentacion.jpgO pasado sábado 5 de xuño o Proxecto Ríos celebrou en Cambre o Encontro de Voluntariado. En 2010, e en vindeiros anos, o Proxecto Ríos pretende promover a adopción de ríos nos grupos participantes. Por este motivo este VI Encontro de Voluntariado foi dedicado á custodia fluvial, explicando aos participantes en que consiste esta ferramenta para o voluntariado en ríos. Tamén este ano pretendemos editar un manual de adopción de ríos que será enviado ao voluntariado do Proxecto Ríos.

Comezamos a xornada ás 10.30h na Biblioteca Central de Cambre coa recepción dos participantes e asistentes. A cada persoa se lle entregou o material dos encontros, unha carpeta co programa da xornada e material variado. Na sala destinada a desenvolver esta xornada, o Proxecto Ríos colocou material diverso da organización que desenvolve o proxecto (ADEGA), así como unha a pequena exposición de material empregado nas inspeccións de río, tanto do Proxecto Ríos de Galiza como doutras comunidades que están a desenvolver o proxecto como Cantabria e Cataluña.

Ás 10.45h comezou a sesión inaugural a cargo de Virxinia Rodríguez, Coordinadora do Proxecto Ríos, a Concelleira de Turismo, Patrimonio e Medio Rural, Gumersinda Becerra e Antón Otero, Concelleiro de Participación Cidadá, Cooperación e Solidariedade. Desculpouse a asistencia do Director Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio Sanchíz, por motivos de axenda. Logo de dar a benvida e agradecer a asistencia, os tres destacaron a labor desenvolvida polo Proxecto Ríos e o voluntariado que o integra na conservación, estudo e mellora dos ecosistemas fluviais do noso país.

andrea_munita_20.jpgLogo das súas intervencións démoslle paso á charla marco dos Encontros. Para falar sobre custodia fluvial e contarnos os proxectos que están a desenvolver dende o Projecte Rius de Cataluña, veu Andrea Munita, responsable de adopción de ríos. Andrea comentounos polo miúdo que se entende por custodia fluvial, cal é a súa filosofía e puxo exemplos de como levar adiante proxectos de adopción en ríos. Para elo, falou das iniciativas que tiveron grupos de voluntarios do Projecte Rius para adoptar o treito de río que levaban inspeccionando dende facía tempo. Este é o espírito da custodia fluvial: os grupos poden propoñer actuacións concretas de mellora do ecosistema fluvial, sempre coa axuda e o seguimento da coordinación do proxecto.

A continuación Nacho Cloux, responsable do Proxecto Ríos de Cantabria. presentounos o primeiro proxecto de custodia, que van desenvolver . Trátase dun campo de traballo no río Ebro, cos obxectivos de facer inspeccións do río ao seu paso por Cantabria, restauración de espazos degradados, etc…Este campo de voluntariado se desenvolverá no mes de setembro, e nel participaran de xeito moi activo todos os membros da rede Proyecto Ríos. Nacho tamén deu a coñecer aos asistentes a situación na que está o Proxecto Ríos en Cantabria.
Logo falou o moderador desta mesa, Ramsés Pérez, que comentou os proxectos de custodia que está a desenvolver en Galiza o Proxecto Ríos e ADEGA.

Ás 12.00h fixemos unha pausa para degustar un café de comercio xusto que nos proporcionou a entidade Galicia Solidaria.

A continuación tocoulle o turno aos participantes do Proxecto Ríos que se animaron a presentar as súas actividades dentro do Proxecto Ríos. Estes encontros teñen a vocación de ser o espazo onde os participantes do proxecto presenten as actividades que desenvolven no seu río. Démoslle este ano máis peso ás asociacións pola temática tratada na xornada, xa que entendemos que a custodia fluvial pode ser máis interesante para as asociacións.

expo_ro_mero_20.jpgA orde de intervención foi a seguinte:
• Asociación Néboa: María Ruán, representante desta asociación medioambiental de Neda, explicounos as actividades que realizan con voluntarios/as no río Belelle.
• Fernando Bandín: en representación da Asociación O rabo do Galo, comentou as accións que desenvolven dende a asociación para a defensa do río Mandeo, ao seu paso por Betanzos.
• Plataforma pola Defensa do Río Mero: Manuel González foi un dos fundadores desta plataforma que promoveu a acción social para paralizar o entubamento do Mero ao seu paso polo concello de Cambre. Comentounos as accións que desenvolveron para poñer en valor os recursos naturais do río. Estas accións tiveron o seu froito chegando a desbotarse o proxecto inicial. Foi un claro exemplo de como a mobilización social pode conseguir parar accións agresivas contra o medio natural.
• IES A Piringalla: da man de José Luís Meijide, profesor de bioloxía e xeoloxía deste instituto, coñecemos as actividades que realiza o alumnado deste IES de Lugo no río Mera, afluente do Miño.
• Bolseiros da Oficina de Medio Ambiente da UDC: Eva Vázquez e Pablo Belay comentáronnos o Proxecto UDC, que desenvolven os bolseiros para promover o voluntariado ambiental no ámbito da universidade. As actividades se centran no monitoreo da flora exótica invasora no campus de Elviña-A Zapateira, ademais de facer inspección nos ríos que atravesan o campus.
• AETNA: esta asociación etnográfica e da natureza de Fene tiña preparado un vídeo onde se explicaba as actividades que desenvolven no río Baa, ademais de comentar as problemáticas que ten este río. Foi unha mágoa non poder ver o vídeo, xa que se nos botou o tempo enriba e eran xa as tres da tarde, co que decidimos ir xantar. Queda pois pendente a proxección deste documento que se fará nos próximos encontros.

Todos os participantes recibiron un agasallo da organización, unha garza real serigrafiada por Calros Silvar.

Ás 15.00h fomos camiñando cara ao río Mero onde Víctor e Marta, produtoresxantar_ps_20.jpg ecolóxicos tíñanos preparado un xantar cos seus produtos.
Logo do xantar, ás 17.00h comezamos o roteiro polo río Mero, para coñecer in situ o que se pretendía facer co proxecto inicial de canalización. Da man de Manuel González e os concelleiros de Cambre fomos vendo como quedou o río, as expropiacións que se fixeron para devolverlle a naturalidade a un treito de máis de 5 Km. e logo, xa cara a desembocadura as obras de canalización que ao final se fixeron.
Arredor das 19.00h clausuramos estes encontros agradecendo ao Concello de Cambre a súa dispoñibilidade e axuda, e sobre todo aos voluntarios/as participantes e asistentes, xa que sen o seu traballo e compromiso o Proxecto Ríos non tería existido.

En definitiva, foi esta unha xornada onde se deron cita ríos e persoas, que unidos pasamos unhas horas do sábado en boa compaña, sendo en total 53 os/as participantes nestes VI Encontros de Voluntariado do Proxecto Ríos.

Aproveitamos esta xornada para presentar os novos materiais editados polo Proxecto Ríos para a inspección dos treitos de río. Este material consiste no Manual de Inspección Básica de Ríos, dúas fichas novas: unha de macroinvertebrados e outra do estado de saúde do río e bosque de ribeira. Tamén presentamos os novos reactivos que a partir de agora serán os que empregaremos para determinar as características físico químicas da auga, así como a escala de cores para comparar os resultados.

 

< Anterior   Seguinte >
go to top