Unha vez máis, a pasada fin de semana do 11, 12 e 13 de Xuño de 2010 o Proxecto Ríos desenvolveu o terceiro turno do campo de voluntariado ambiental do río Tea, que xa vai pola súa cuarta edición e que este ano, por vez primeira, se realiza en catro quendas en Febreiro, Abril, Xuño e Outubro. Como en convocatorias anteriores, este campo de voluntariado estivo adicado á eliminación de flora exótica invasora das marxes do río Tea ao seu paso polo concello de Mondariz, concretamente entre os Pasos de Tatín e a Ponte Cernadelas. Os participantes contaron coa ferramenta axeitada para a realización das actividades de eliminación, un seguro de responsabilidade civil e accidentes colectivos, o aloxamento, manutención e actividades complementarias como un roteiro nocturno e piragüismo.
Comezamos o campo de voluntariado o venres 11 ás 18.00h coa recepción dos participantes na praza do mercado de Mondariz. De alí dirixímonos ao albergue Alentea, onde pasaríamos os tres días que duraría o campo. Logo de instalarnos e presentarnos, a equipa educativa do Proxecto Ríos impartiu unha charla sobre os problemas que causan as especies exóticas invasoras no medio natural, as vías de entrada e as accións que se poden levar a cabo para paliar os efectos das bioinvasións. Tamén se deron explicacións de como identificar as especies sobre as que iamos traballar amosando fotografías e exemplares recollidos previamente durante a preparación do campo, e desta volta, como novidade, se incluíu unha nova especie atopada durante este recoñecemento previo: o xacinto de auga. Nesta charla expuxémoslle aos participantes a estrutura do campo de traballo, os horarios, certas normas básicas de seguridade e, para finalizar, fotografías de campos anteriores onde se apreciaba estado previo das zonas de traballo e as labores dos voluntarios. Tamén se lles entregou unha carpeta con toda a documentación sobre estes e outros temas tratados na charla.
Ao finalizar, sobre as 21.00h tivemos tempo para nos coñecer mellor, recibir aos participantes que faltaban e incluso poñer en práctica as nosas habilidades co futbolín e co ping-pong, mentres agardabamos pola cea, que degustamos sobre ás 22.00h. A sobremesa foi acompañada por risas e conversas animadas, recordando anécdotas de campos anteriores e disfrutando, como sempre, da hospitalidade de María e Josu.
A xornada do sábado estivemos todo o día no río desenvolvendo os traballos de eliminación. L ogo do almorzo os voluntarios foron organizados en tres grupos adicados a eliminación de acacia, bambú e o grupo itinerante que se ocupou da erradicación de manchas de especies variadas como a coniza, a tritonia ou a tintureira, xunto coa acacia negra, falsa acacia e mimosa. Cando chegamos aos Pasos de Tatín, e logo de cruzar á outra beira do río, explicóuselles aos participantes os traballos realizados anteriormente na zona onde se fixeran tamén actividades de recuperación da ribeira do río cun estaquillado de árbores de ribeira. Puidemos comprobar con satisfacción que a maioría das arbores plantadas estaban en bo estado, con folliñas que indicaban que moi posiblemente crecerían sen problema.
Os participantes que xa repetían campo observaron satisfeitos a melloría sobresaínte do lugar no que estiveran a traballar anteriormente. Así pois, unha vez situados cada grupo na súa zona de actuación e colocados os paneis informativos sobre o traballo que se estaba a levar a cabo, comezamos coa eliminación das especies ata o mediodía.
Contamos durante toda a mañá coa presenza dun supervisor do Ministerio de Medio ambiente que nos visitou para examinar as labores de voluntariado e que se mostrou moi interesado neste proxecto. Ademais ás persoas que paseaban polo camiño se lles proporcionaba información e uns trípticos do Proxecto Tea. A mañá pasou a presa e chegou a hora de disfrutar dun xantar campestre á beira do río, onde tivemos a oportunidade de comentar o desenvolvemento dos traballos, anécdotas e repousar un anaco, antes de organizarnos unha vez máis en grupos, coller a ferramenta e continuar cos traballos. Os grupos volveron ás súas zonas de eliminación, aínda que finalmente todos remataron apoiando ao grupo de acacia, arrincando rebrotes e raíces, dun xeito realmente entusiasta.
Ás 19.30h transportamos todos os restos vexetais retirados e procedemos ao pesado dos sacos onde os fomos metendo. Deixámolos a carón dos Pasos de Tatín e voltamos cruzar o río para coller o autobús e regresar ao albergue, non sen antes retirar o xacinto de auga atopado nunha charca artificial situada na explanada ao carón da estrada. Unha vez de volta no albergue e logo das merecidas duchas, dispuxémonos a dar boa conta da espléndida cea que nos prepararon Josu, Mari e Tulo no albergue. Unha vez máis as conversas fóronse animando, o que deu paso ao son da pandeireta e as cantigas galegas. Os máis animados finalizaron a xornada cun roteiro nocturno ata a igrexa e a rectoral de Barciademera, da que chama a atención as curiosas figuras esculpidas na fachada principal. A mañá do domingo estivo adicada a poñer en común os resultados dos traballos feitos o día anterior, comentarios e propostas de mellora para vindeiras quendas. Polo mediodía visitamos o mercado dominical de Mondariz, onde mercamos comida para facer un xantar á beira do río Tea na praia fluvial de Outerelo, lugar onde quedaramos con os monitores do Clube de Piragua Tea de Mondariz, que nos acompañarían no descenso en piragua que tiñamos planeado para esa mesma tarde.
As 16:00 h chegou a furgoneta cargada con os kaiak do Clube. Organizados por Héctor fomos chegando ó punto de partida, baixando as piraguas ó río e equipándonos con cascos e chalecos. E logo das explicacións sobre o manexo da piragua e de seguridade botámonos a auga entre risas, salpicaduras e algunha que outra caída. O descenso rematou despois de dúas horas de avance augas abaixo, entre rápidos e remansos que permitían observar o río dende outra perspectiva. Unha vez na área recreativa, e despois dun merecido descanso no que se comentaron as anécdotas da baixada, puxemos punto final ó campo de traballo entre despedidas, abrazos e en espera da próxima quenda do campo de voluntariado do Tea.
|