Presentación da Plataforma pola recuperación do Sar Imprimir E-mail

presentacin_20.jpg

Santiago de Compostela, 10 febreiro 2012. Onte presentouse en Padrón a Plataforma pola Recuperación do Sar, unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin a consecución dun río, concretamente o Sar, así como as súas ribeiras, en condicións ambientais óptimas, isto é, cunha biodiversidade faunística e florística propias da rexión euroasiática tan ampla como sexa posible, tanto en variedade de especies como na densidade das mesmas, así como a consecución para esta corrente de auga duns parámetros fisicoquímicos que permitan a existencia e pervivencia dun axeitado equilibrio ecolóxico.


Así mesmo procurarase a preservación do patrimonio cultural e construido de forma que xunto co patrimonio natural poidan ser fonte de riqueza para toda a bisbarra por onde discorre este río.

A presentación no Auditorio de Padrón acudiron case un cento de persoas e nela interviñeron os seguintes promotores da Plataforma; Xosé Manuel Penas Patiño (Biólogo), Virginia Rodríguez (Presidenta de ADEGA), Luis Tapia (Biólogo) e Luis Piñeiro (Pescador).

A Plataforma pola Defensa do Sar pretende facer entre outras as seguintes actividades:

1.- Realizar observacións directas do cauce fluvial e as súas ribeiras e no caso de que se considere necesario proceder a denunciar aqueles feitos que atenten contra este ecosistema

2.- Colaborar co mellor estado do río organizando limpezas no mesmopresentacin_pds_20.jpg

3.- Solicitar o cumprimento da lexislación e o establecemento das disposicións que sexan necesarias, así como colaborar con todo tipo de autoridades e administracións para a mellor consecución dos fins sinalados

4.- Organizar actividades con centros educativos

5.- Poñer a situación do río e as actividades da asociación en coñecemento da sociedade por medio da realización directa de charlas así como a través dos medios de comunicación

6.- Fotografiar aquelas situacións ambientais que se consideren de interese para a consecución dos fins que son propios

7.- Solicitar a colaboración doutras asociacións e no seu caso recíprocamente colaborar con elas

A nova entidade continuará con presentacións polos diferentes concellos da conca do Sar. A próxima será o 24 de febreiro en Santiago de Compostela.

Máis info: 

http://defensadosar.blogspot.com/
< Anterior   Seguinte >
go to top